02 Nov Cem, s.coop.galega é unha das empresas con boas prácticas que inspiran a mostra
Cem, s.coop.galega é outra das empresas con boas prácticas que inspiran a mostra: Préndete da Economía Social! Creada baixo a fórmula dunha cooperativa e constituída no ano 1992, é pioneira do traballo profesional no ámbito da educación ambiental en Galicia. Ofrecen á sociedade recursos orientados a conseguir que as persoas e organizacións respecten, valoren e conserven o medio ambiente para acadar un desenvolvemento sustentable máis equilibrado tanto ecolóxica como socialmente.
Entre os seus compromisos destacan a conservación do medio ambiente; a valoración da cultura, o patrimonio e a lingua galega; a aposta co modelo empresarial cooperativo, e a defensa de valores como a solidariedade, xustiza social, igualdade, coeducación, constancia, empatía, responsabilidade e sensibilidade.
Son unha empresa de conciencia, pois traballan con actitudes e valores a diario, educando e sensibilizando ambientalmente. Ademais, teñen un amplo abano de clientes que confian neles, acreditando a súa solvencia: administración autonómica, concellos, deputacións, empresas, colexios, universidades, asociacións, fundacións… Os seus recursos humanos están formados por un equipo multidisciplinar de profesionais con ampla formación e experiencia, composto por educadores e educadoras ambientais, biólogos, pedagogos, técnicos ambientais e de interpretación do patrimonio.
Non esquezas inscribirte no evento do día 12 de novembro para coñecer máis sobre outras empresas. Obtén a túa plaza mediante este formulario online.