Strelia Electrotecnia, unha iniciativa cooperativa inspiradora

Strelia Electrotecnia caracterízase polo seu compromiso profesional, calidade e valores sociais: actitudes que nos inspiran e conseguiron que a consideremos un exemplo de boas prácticas.

Constituída en 2013, propúxose explorar novas fórmulas empresariais, e naceu baixo a forma dunha iniciativa cooperativa. Traballan con fundamento, seriedade e eficiencia para a súa clientela, procurando sempre o respecto e coidado da natureza, das persoas e da súa diversidade. Desenvolven solucións de electrónica profesional en campos como as telecomunicacións, a oceanografía, as ciencias da terra, o control industrial e a eficiencia enerxética.

Fan os proxectos de I+D para os produtos encomendados, integran a tecnoloxía axeitada e prestan os servizos de enxeñaría electrónica e de telecomunicacións para a execución integral das solucións. A equipa da Strelia ofrece anos de experiencia e prestixio recoñecido no mundo do desenvolvemento electrónico e a oficina técnica de telecomunicacións. A súa sede social, oficinas e laboratorios de desenvolvemento sitúanse en Santiago de Compostela, desde onde colaboran e traballan para entidades da península Ibérica, Europa e o resto do mundo.