31 Mai A USC celebra o 09 de xuño en formato online a mostra “Préndete da economía social 2022”
O xoves 09 de xuño ás 11:30 horas, a Universidade de Santiago de Compostela celebrará a mostra virtual “Préndete da economía social 2022”. Esta mostra emerxe como unha actividade dun só día orientada a achegar a economía social á contorna da Universidade de Santiago de Compostela e a aquelas persoas interesadas en formarse e emprender.
A finalidade é xerar un ecosistema real de economía social mediante experiencias de empresas de economía social, charlas sobre tendencias e oportunidades de negocio en sectores emerxentes e ferramentas facilitadoras para mellorar a competitividade do teu negocio e un espazo de showrooms de startups responsables.
A mostra celebrarase en formato online e acollerá diversas actividades ao longo da xornada como a difusión e divulgación dun panel de empresas de economía social cunha traxectoria de éxito no eido empresarial galego, coma Factoría Atelier S. Coop galega, Horsal S. Coop galega, A Milpa do Salnés S. Coop galega, Aqueladas S. Coop Galega Xuvenil
Así mesmo, celebraranse charlas dunha hora de duración sobre tendencias sectoriais e de xestión e oportunidades de negocio emerxentes, en concreto ás 11:30 horas terá lugar unha charla sobre Xestión de datos: Usa o power BI para a toma de decisións na túa entidade, ás 12:30 horas impartirase a charla Enfócate no dixital! Aprende a traballa a venda online da túa entidade e xa en horario de tarde, ás 16:00 horas a charla tratará de Oportunidades: Casas niño, cociña a domicilio, cohousing, empoderamento dos maiores e asistencia a domicilio e por último ás 18:00 horas terá lugar a charla sobre a economía circular e ecodeseño – innovación das entidades de economía social
En referencia ao espazo de showrooms virtuais que terá lugar ás 17:30 horas e que terá coma finalidade o coñecemento de novos proxectos emprendedores contarase coa participación de Agalterra S.Coop Galega e Asociación Callejeros do Barbanza, Kracia S.Coop Galega e Luffaderm, esponxas vexetais.
Pódese atopar toda a información detallada na web do proxecto https://usceconomiasocial.gal/ e para poder asistir, ben sexa a unha ou varias actividades da mostra é preciso inscribirse a través desta ligazón https://bit.ly/mostraUSC22 ou escribindo a proxectoeusumo.usc@gmail.com antes do 8 de xuño.
Esta iniciativa enmárcase no programa de actuación 2022 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Dirección Xeral Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social e conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.